O BNG presenta unha moción para a posta en valor do noso Patrimonio Arqueolóxico

O Grupo Municipal do Bloque de Xinzo rexistrou unha moción, para debater no vindeiro pleno, solicitando a posta en marcha dunha serie de medidas encamiñadas á valorización do noso inmenso patrimonio arqueolóxico. Velaquí tedes o texto completo da mesma:

O Grupo Municipal do BNG (Bloque Nacionalista Galego) de Xinzo da Limia, ao abeiro da lexislación vixente en materia de réxime local, presenta ao Pleno do Concello a seguinte MOCIÓN ao respecto da realización e posta en marcha dun PLAN DE VALORIZACIÓN DO PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO, para o seu debate e aprobación, se procede.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A primeira referencia historiográfica da Galiza contemporánea concibida como tal, antiga Gallaecia, prodúcese en Xinzo da Limia co gallo da lenda do esquecemento e o paso do río Lethes polas tropas de Décimo Xuño Bruto nos derradeiros séculos antes da nosa xeira. Este feito, hoxe amplamente popularizado a través da Asociación Civitas Limicorum e das sucesivas celebracións da Festa do Esquecemento, converte a Xinzo de xeito incontestábel nunha referencia obrigada no eido da historia das culturas e das civilizacións.

A inmensa riqueza arqueolóxica que Xinzo alberga apunta á posibilidade da explotación de todo este singular bagaxe de xeito produtivo e dinamizador tanto da cultura como da economía local. É preciso agora máis ca nunca que a forte pegada científica e cultural asociada ao noso patrimonio arqueolóxico sexa posta en valor de xeito inmediato dada a súa singularidade e transcendencia como un potente resorte económico estacional máis, complementario do propio Entroido, e fundamental dende os puntos de vista turístico e comercial, máxime nun contexto como o actual.

Por todo o exposto, o Grupo Municipal do BNG propón ao Pleno do Concello a adopción dos seguintes:

ACORDOS

  1. Formalizar un convenio de colaboración co Museo Arqueolóxico de Ourense para ter acceso aos fondos, pezas e figuras máis representativas do noso patrimonio para que sexan expostas, divulgadas e xestionadas desde Xinzo.
  2. Compatibilizar o uso do centro de información turística e de visitantes, previsto agora como novo albergue de peregrinos, tamén como centro de interpretación, exposición, divulgación e explotación turística e cultural do noso patrimonio arqueolóxico, nomeadamente no que atinxe á cultura castrexa e á romanización.
  3. Solicitar a colaboración de outras administracións para a adecuación de espazos, dotación expositiva, publicidade, divulgación, etc.
  4. Analizar a posibilidade de colaboración coas Universidades para ofrecer estímulos á escavación, estudo e divulgación do noso patrimonio arqueolóxico.