O BNG solicita que se analicen as posibilidades do novo marco legal en materia de cemiterios

Logo da recente aprobación do Decreto 151/2014, do 20 de novembro, de sanidade mortuoria de Galiza, e coa intención de que se revise en profundidade a problemática existente no noso Concello no tema dos cemiteiros, o Grupo Municipal do Bloque de Xinzo rexistrou unha moción solicitando que se analicen as posibilidades que brinda a nova lexislación. Velaquí tedes o texto completo da mesma:

O Grupo Municipal do BNG (Bloque Nacionalista Galego) de Xinzo da Limia, ao abeiro da lexislación vixente en materia de réxime local, presenta ao Pleno do Concello a seguinte MOCIÓN ao respecto do ESTUDO E APLICACIÓN DO NOVO MARCO NORMATIVO EN MATERIA DE CEMITERIOS, para o seu debate e aprobación, se procede.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O pasado 11 de decembro aparecía publicada no DOG nº237 o Decreto 151/2014, do 20 de novembro, de sanidade mortuoria de Galiza, que aborda cambios na regulación deste eido, co obxecto de adecuala ao marco normativo, competencial e social deste tempo. O referido decreto pretende “incrementar a presenza e intervención das entidades locais, asignándolles un papel destacado na materia”.

Así, o capítulo VII, que contén as normas sanitarias dos cemiterios, recolle que “nos expedientes relativos á nova construción e ampliación de cemiterios, suspensión de enterramentos, clausura ou declaración de ruína o peso do expediente levarao a respectiva administración local, limitándose a autoridade sanitaria a emitir un informe e a establecer as condicións sanitarias mínimas”.

A maiores, na disposición adicional primeira, prevese a posibilidade de que “os cemiterios preexistentes que carezan da correspondente autorización sanitaria poidan ser regularizados cumprindo uns mínimos requisitos predeterminados, mediante un mecanismo de carácter extraordinario”.

Por todo o exposto, o Grupo Municipal do BNG propón ao Pleno do Concello a adopción dos seguintes:

ACORDOS

  1. Elaboración por parte dos servizos técnicos municipais dun informe sobre a situación e problemáticas actuais de todos os cemiterios existentes no concello, así como dos cambios e posibilidades que ofrece este novo marco normativo para solucionalas.
  2. Instar ao Grupo de Goberno, á vista dos informes técnicos, á posta en marcha das medidas e solucións administrativas oportunas ao amparo da nova lexislación.