O BNG presenta ao candidato á alcaldía para as Eleccións Municipais de 2015

A candidatura do BNG-Asembleas Abertas de Xinzo ás Eleccións Municipais do vindeiro ano estará liderada polo actual portavoz municipal Ramiro Rodríguez Suárez, como cabeza de lista e candidato á Alcaldía. O Grupo Local do BNG de Xinzo aspira a conformar unha equipa de veciñas e veciños comprometidos cun modelo radicalmente diferente de xestión do Concello.

Ramiro Rodríguez foi o número dous da lista do Bloque nos anos 2003 e 2007 e número catro no 2011. É concelleiro dende o ano 2004 en diferentes etapas, a última dende o ano 2012 cando substituíu ao anterior candidato.

[pullquote]Non nos presentamos só para cambiar ao alcalde. Queremos mudar o Concello[/pullquote]

Balance dun mandato extraordinariamente negativo

Logo de catro anos de xestión do actual alcalde constatouse que o principal problema non son tanto as persoas como o ideario e prácticas políticas das organizacións que representan, os vicios históricos dos gobernos “populares” continuaron e víronse agravados neste mandato: contratación de afíns, adxudicación de obras e servizos a empresas “amigas”, escurantismo na toma de decisións, descontrol na xestión económica, incremento brutal da débeda, suba de taxas e impostos, etc. Proba evidente de todo isto é a situación xudicial do alcalde, sobre o que xa pesan numerosas condenas polas contratacións de persoal laboral e que, a día de hoxe, ten varios procesos penais abertos e pendentes de resolución.

Mirando ao futuro

A proposta de BNG-Asembleas Abertas estará baseada en dous piares fundamentais: por unha banda un compromiso de rexeneración democrática e transparencia á hora de xestionar o Concello, abrindo todas as decisións á participación veciñal, e por outra un proxecto de vila/concello centrado no aproveitamento e posta en valor dos potenciais comercial, agro-gandeiro e industrial da nosa comarca mediante o uso de todas as ferramentas e resortes ao alcance directo da institución local.