O río Limia sigue precisando unha actuación real que recupere o tramo urbano para uso dos veciños e veciñas

20150327-arbores-limia

Hai pouco o delegado do Goberno en Galiza, o presidente da Confederación Hidrográfica, o alcalde de Xinzo, o presidente da Deputación, o subdelegado do Goberno en Ourense e outras autoridades inauguraban as obras de “mellora da capacidade de desauge do río Limia ao seu paso polo tramo urbano de Xinzo” cun investimento total de máis de 670.500 euros.

Na teoría as obras consistiron en “traballos de restauración e mellora das condicións hidráulicas do cauce, consistentes na limpeza e desbroce selectivo da vexetación de ribeira, eliminación das especies en mal estado fitosanitario así como as especies invasoras, restauración das márxes e de taludes debilitados, empregando técnicas de bio-enxeñaría e revexetación”, na práctica, o único resultado visíbel foi a construción dunha nova pasarela peonil sobre o río e o ensanchamento dunha ponte no Bouzo para permitir o paso simultáneo de dous vehículos.

Pasados uns días, todo este artificio mediático-propagandístico cae polo seu propio peso, como as tres árbores de gran porte que hoxe cederon ao empuxe das augas, que remataron por minar a súa base, e agora descansan sobre o leito dun río que sigue precisando e esixindo unha actuación integral real e con sentido que recupere o tramo urbano para uso e disfrute dos veciños e veciñas de Xinzo.