O BNG rexeita a suba do IPC para 2017 nos servizos de abastecemento e depuración de auga

No pleno extraordinario de hoxe o BNG votou en contra da suba do 0,2% das tarifas de abastecemento e depuración de auga solicitada pola concesionaria para o ano 2017.

Dende que se estendeu a concesión no ano 2007 a Viaqua (antes Aquagest) por 30 anos máis (ata 2046) e, fundamentalmente, a raíz da aprobación da taxa de depuración e sumidoiros para o rural a finais de 2008, vimos denunciando as nefastas consecuencias desta decisión do grupo de goberno do PP que fai que hoxe os veciños de Xinzo estean a pagar un dos servizos de auga máis caros de toda Galiza.

O tempo ven darnos a razón e agora o Concello fica cas mans atadas e sen capacidade real de renegociar un contrato leonino pensado para garantir os beneficios da concesionaria durante o tempo de adxudicación.

Dende o grupo municipal do BNG instamos ao alcalde, Antonio Pérez, a que estude o custo de remunicipalizar estes servizos para analizar a posibilidade de rescindir o contrato actual e poder negociar unha nova adxudicación en condicións máis ventaxosas para as veciñas e veciños de Xinzo.