O BNG solicita a renuncia inmediata e irrevogábel do Sr. Pérez logo da apertura de xuízo oral por un presunto delito de prevaricación

No día de hoxe a xuíza ven de confirmar a apertura de xuízo oral ao alcalde de Xinzo, Antonio Pérez, logo dos escritos de acusación presentados pola CIG e pola propia Fiscalía.

Este proceso arranca nas sentenzas emitidas polos Xulgados do Contencioso-Administrativo nº1 e nº2 de Ourense no ano 2013 a raíz das denuncias da Avogacía do Estado polas contratacións de persoal laboral temporal feitas polo Sr. Pérez, ignorando os informes preceptivos de Secretaría e Intervención, sen os correspondentes procesos de selección e contravindo o RDL 20/2011. Daquela os maxistrados procedían á anulación das contratacións e cualificaban a actuación do Sr. Pérez como de “desviación de poder e indicios de prevaricación”, “conduta irregular e constante realizada con plena consciencia da súa ilicitude” e de “incumprimento groseiro e consciente por parte do mandatario que podería ser constitutivo dun delito de prevaricación”. Ao tempo, ordenaban a remisión do expediente ao Xulgado de Primeira Instancia de Xinzo para que procedera a investigar as responsabilidades penais que se puideran derivar.

Coa resolución coñecida hoxe o Sr. Pérez e o Partido Popular non poden seguir eludindo indefinidamente as súas responsabilidades e faise urxente a renuncia inmediata e irrevogábel ao cargo de alcalde, calquera outra opción sería incomprensíbel e situaría ao goberno do PP nunha situación insostíbel para xestionar o Concello de Xinzo, tendo en conta que estamos a falar dun dos máis importantes da provincia de Ourense.

Xinzo non pode estar gobernado por unha persoa que incumpre sistemática e conscientemente a normativa en materia de contratación e os veciños e veciñas non se poden permitir un goberno municipal baixo sospeita e un alcalde pendente da resolución dun proceso penal no que lle piden 10 anos de inhabilitación para exercer cargos públicos.