O BNG propón aprobar unha taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local das instalacións de transporte de enerxía eléctrica, gas e hidrocarburos

A Lei Reguladora das Facendas Locais estabeleceu en 2004 que as empresas eléctricas, de gas, de auga e hidrocarburos están obrigadas a pagar unha taxa fixada por un informe técnico-económico por atravesar o dominio público local, aínda que non os subministren. Malia esa habilitación legal, e unha vez se aprobaron ordenanzas reguladoras para fixar esa obriga de xeito concreto, as empresas non aboaron nunca dita taxa, amosando belixerancia e conflitividade xudicial contra as entidades locais que a impulsaron.

Agora o Tribunal Supremo vén de avalar en diversas sentenzas que os concellos graven ás empresas titulares de instalacións de transporte de enerxía eléctrica, gas ou hidrocarburos pola utilización do dominio público local cun cálculo que excede o valor catastral dos terreos e que inclúe a súa utilidade. Estes fallos, contrarios a Unión Fenosa, Gas Galicia e Red Eléctrica, e con impacto directo no resto do sector eléctrico e tamén noutros sectores que empregan o dominio público para o transporte de gas ou hidrocarburos, requiren que as ordenanzas fiscais regulen unha taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local das instalacións de transporte de enerxía eléctrica, gas e hidrocarburos.

Unha vez resolta a controversia xudicial a prol dos concellos, cómpre iniciar os procesos e trámites necesarios para poder facer efectiva a devandita taxa no noso concello, por iso, o Grupo Municipal do BNG de Xinzo presentou unha iniciativa ao vindeiro pleno para que se inicien os estudos e xestións necesarios para a tramitación e aprobación da correspondente ordenanza fiscal reguladora.