O BNG rexeita a tala das árbores da estrada de Celanova e solicita repensar o proxecto

Recentemente vimos de coñecer polos medios de comunicación a intención do Concello de executar un proxecto de arranxo da Avenida de Celanova que implicaría a eliminación das árbores actuais.

Dende o BNG de Xinzo entendemos que se debe apostar polo mantemento e potenciación dos espazos verdes así como de todas as árbores existentes na vila, especialmente aquelas coas que levamos convivindo máis anos e que acadaron polo tanto un porte excepcional ou forman xa parte insubstituíbel da paisaxe urbana das rúas nas que se asentan. Por iso consideramos que deben existir alternativas para solucionar e minimizar os posíbeis inconvintes que estas árbores poidan ocasionar e que a súa eliminación debe ser unha medida extrema, excepcional e a descartar de entrada a non ser que estea suficientemente motivada.

Rexeitamos a tala indiscriminada prevista na estrada de Celanova e apostamos por un novo proxecto que solucione as necesidades dos veciños e veciñas desta rúa ao tempo que sexa respectuoso coas árbores.