O proxecto actual da avenida de Celanova é unha aberración que non se xustifica baixo ningún criterio urbanístico nin de seguridade

O proxecto actual da avenida de Celanova, que contempla a eliminación das árbores centenarias alí existentes, é unha aberración desde todos os puntos de vista e non se xustifica baixo ningún criterio de seguridade nin urbanístico. Os veciños e veciñas desa rúa merecen unha solución á problemática que existe na actualidade, mais esta non pasa, en ningún caso, pola supresión das árbores.

Existen solucións alternativas ben máis respectuosas co noso patrimonio natural e, como mínimo, igual de viabeis: limitación de velocidade nese tramo, retirada dos vehículos pesados, eliminación das especies invasoras e coidado e atención ás propias árbores.

O BNG ven defendendo e reivindicando dende hai anos [1] [2] [3] [4] [5] unha circunvalación para eliminar o tráfico pesado do centro de Xinzo, co obxectivo de facilitar as comunicacións da comarca, mellorar a seguridade, humanizar o núcleo urbano e favorecer ao comercio local. Dende logo non ten sentido que o tráfico que non ten a súa orixe nin o seu destino na vila, se vexa obrigado a atravesala sin outra alternativa. Somos unha cabeceira de comarca centrada nos servizos e debemos ofrecer aos visitantes un entorno pensado para o desfrute das persoas que propicie e favoreza os desprazamentos a pé. Zonas de aparcamento disuasorio na periferia, rúas e beirarrúas limpas e coidadas, mobiliario urbano axeitado, árbores, circunvalación, etc. son algúns dos factores polos que se debería estar a traballar para acadar ese obxectivo. Se isto se tivera abordado agora a solución na estrada de Celanova sería máis doada.

O grupo de goberno debe poñerse claramente do lado da cidadanía a dar resposta ás demandas dos veciños e veciñas. Que se teña chegado a actual situación unicamente se entende no contexto da falta de proxecto e de ideas que dende sempre veñen amosando os sucesivos alcaldes do PP nas diferentes etapas.