Inauguración do novo local do BNG nas Galerías ‘Século XXI’

Este sábado celebramos a inauguración do novo local social do BNG en Xinzo. Un centenar de veciños e veciñas se achegaron ata as Galerías Século XXI para compartir unha tarde de festa e escoitar as intervencións de Ramiro Rodríguez, Concelleiro e Deputado Provincial e Noa Presas, Deputada no Parlamento de Galiza.

Rodríguez aproveitou a recente substitución na alcaldía logo da renuncia de Antonio Pérez, condenado por prevaricación, para lembrar que “foi un alcalde que chegou pola porta de atrás e foise pola porta de atrás”, ao tempo rexeitaba a pretendida boa xestión da que se gaba o ex-alcalde que resumíu en “subirlle sistematicamente os impostos aos veciños para enxaugar a débeda creada por el mesmo cando accedeu ao posto no 2010”. Rematou desexando que “dentro dun ano haxa un cambio real na alcaldía que se produza nas urnas como resultado dunha aposta da cidadanía por unha alternativa diferente como a que representa o BNG”.

Pola súa banda, Noa Presas lamentou que o monopolio que ostenta o PP en todos os niveis administrativos non teña ningún efecto práctico para o noso País, moi ao contrario, “sube máis o orzamento para a Casa Real ca o investimento en Galiza, por poñer un exemplo, para arranxo da A52 non hai consignado nin un só euro”, sinalou que se abre “un tempo novo para o BNG en Xinzo” e resaltou que “a actuación coordinada e decidida dos veciños e veciñas pode mudar a realidade tamén neste concello”.

Dende o BNG agradecemos a asistencia de todos e todas as que nos acompañastes e aproveitamos para lembrar que as nosas portas nesta nova andaina estarán, coma sempre, abertas a todos os veciños e veciñas que desexen colaborar na construción dun concello e dun país próspero, moderno, aberto ao mundo e orgulloso do seu.