O BNG denuncia a falta de persoal no Centro de Saúde

Nos últimos anos en Galiza o PP impulsou todo tipo de medidas e recortes que provocaron unha redución na sanidade pública de 2.000 millóns de euros, ademais de 2.000 profesionais menos. Todos estes recortes, intencionadamente planificados e programados, teñen unha gravísima repercusión nos servizos e na asistencia sanitaria á poboación e evidencian que a política sanitaria do PP é lapidar os servizos públicos de calidade no ámbito sanitario.

O caso de Xinzo de Limia é un claro exemplo da política dirixida pola Consellería de Sanidade da Xunta, no noso Centro de Saúde estamos a padecer a política de recortes en persoal que o PP está levando a cabo. Dende marzo de 2020 un médico do Centro atópase de baixa por enfermidade, a praza que ocupaba este traballador non foi cuberta de forma continuada e todo parece indicar que o Servizo Galego de Saúde non ten intención de facelo, pois estamos preto de cumprir un ano deste déficit de persoal.

Ao longo deste ano todas as usuarias e usuarios do Centro de Saúde de Xinzo son coñecedoras e sufridoras das dificultades que están a ter os profesionais do centro debido á sobrecarga de traballo que a pandemia está a provocar. No BNG non entendemos que a Xunta poña por diante os intereses económicos aos do benestar dos veciños e veciñas de Xinzo.

Dende o BNG queremos manifestar o noso total rexeitamento e denunciar esta políticas de desmantelamento da sanidade pública do Partido Popular na Xunta de Galiza, que conlevan, por exemplo, non cubrir as prazas dos profesionais que se atopen de baixa. Ademais queremos amosar o noso total recoñecemento e máximo apoio ao persoal sanitario, que están afrontando esta situación e estamos convencidos que entre todas e todos debemos manter unha posición conxunta e firme para que a Xunta dote do persoal suficiente que precisa o noso Centro de Saúde.


Deixa unha Resposta

O teu enderezo de email non será publicado.

*